Thursday 19 de September de 2024

Galitoon trae a Neda este martes o espectáculo de monicreques “Kori de Kokorico”


O derradeiro espectáculo de “Miúdo verán. Cultura en Familia” chega este martes a Neda. A obra de monicreques “Kori, de Kokorico”, prevista inicialmente para o xoves, adiántase un par de días, e poderase finalmente desfrutar o 27 de agosto, a partir das 20.00 horas, no campo dos Subarreiros.
A montaxe da compañía Galitoon muppets xira ao redor da educación viaria, sendo o seu obxectivo fundamental familiarizar, de forma entretida, aos máis pequenos da casa, coas normas de circulación. Así, o protagonista da obra é un extraterrestre que terá que aprender nocións básicas de educación viaria para poder andar seguro pola cidade na que aterra.

A proposta, cunha duración duns 35 minutos, forma parte de “Miúdo verán. Cultura en familia”, un ciclo de actividades desenvolvido pola administración local co apoio da Agadic, a través do programa Cultura no Camiño, co fin potenciar a oferta escénica dos Camiños de Santiago durante os meses de maior afluencia de peregrinos.